Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca un curso gratuíto de Horta Ecolóxica dirixido a mulleres


É o primeiro dos cinco cursos que se celebrarán ata finais de ano dentro do Programa de Fomento do Emprego das Mulleres

O Concello de Lousame convoca un curso gratuito de Horta Ecolóxica dirixido a mulleres, que se impartirá na primeira quincena do mes de setembro nas instalacións do albergue de Toxosoutos. Trátase cunha acción formativa gratuita e encadrada no Programa de Fomento do emprego das Mulleres, que conta co apoio da Deputación de A Coruña. Para máis información e inscricións, as veciñas interesadas deberán chamar ao teléfono do Concello de Lousame (981 820 494) antes do 2 de setembro.

O curso terá unha duración de 30 horas, con sesións teóricas e prácticas que se desenvolverán nas instalacións do albergue de Toxosoutos por docentes especializados na produción ecolóxica. O obxectivo do curso é que as 20 alumnas participantes coñezan as técnicas e aprendan a xestionar e a planificar as súas hortas para ter produtos de calidade diferenciada e ecolóxicos ao longo de todo o ano, tanto para o autoconsumo como para ofertar nos mercados. Unha vez cubertas as 20 prazas ofertadas, o Concello de Lousame convocará ás mulleres inscritas a unha reunión onde se acordarán as datas e horarios das sesións coa intención de ofertar a maior flexibilidade posible para que as mulleres interesadas poidan conciliar esta formación coa súa vida familiar.

Durante o curso, as mulleres formaranse sobre as distintas variedades de hortalizas, o seu abono e como preparar a terra e planificar a horta. Tamén aprenderán como tratar pragas e enfermidades, técnicas de rega, como coidar as sementes e os viveiros segundo as estacións… Uns coñecementos que porán en practica sobre o terreo, ademais de recibir orientación e asesoramento sobre como aproveitar estes novos coñecementos de cara o mundo laboral.

Próximos cursos

De aquí a finais de ano, o Concello de Lousame ten previsto impartir outros catro cursos máis dentro do programa de Fomento do Emprego das Mulleres: “Transformación de alimentos caseiros” (segunda quincena de setembro), “Cociña e repostería con recursos caseiros” (durante o mes de outubro), “Recursos do monte e silvestres” (novembro) e “Informática para mulleres emprendedoras” (decembro). Todos eles serán gratuítos e estarán dirixidos a veciñas de Lousame. Iso si, aqueles homes interesados nos cursos tamén se poderán inscribir nunha lista de espera para, no caso de non cubrirse a totalidade das prazas ofertadas con mulleres, poder participar nestas accións formativas.